jueves, 15 de marzo de 2007

Duplicouse a capacidade da depuradora cambadesa

(martes 13 de marzo de 2007) Xornal.com

  • Un investimento de 4,4 millóns de euros duplicou a capacidade da depuradora cambadesa para garantir que as augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova cheguen depuradas ao río Umia.

  • O conselleiro de Medio Ambiente anunciou que en cuestión de semanas tamén será inaugurada a depuradora de Caldas de Reis para seguir avanzando na aspiración colectiva de sanear o Umia.

  • A depuradora que da servizo aos tres concellos terá a partir de agora capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 44.000 habitantes, o dobre da que tiña antes.

  • XORNAL I Santiago .- O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, acompañado polo alcalde de Cambados, a alcaldesa de Ribadumia e o tenente alcalde de Vilanova de Arousa, realizou onte unha visita a ampliada depuradora de Cambados, que da servizo aos tres concellos e na que o seu departamento ven de investir preto de 4,4 millóns de euros. A visita serviu para dar por rematadas as obras de ampliación e para proceder a inauguración da instalación, lista agora para tratar as augas residuais de ata 44.000 habitantes, o que supón un incremento na súa capacidade de 24.000 habitantes equivalentes con relación á que tiña anteriormente.

    Manuel Vázquez chamou a atención sobre a importancia desta obra, non so pola inversión realizada, senón porque a súa entrada en funcionamento supón un notable avance na aspiración colectiva de acadar o saneamento do maltreito Umia, un dos ríos de Galicia máis castigado polos vertidos, tal e como puxo de manifesto o inventario presentado a semana pasada polo propio conselleiro. Por elo, Manuel Vázquez tamén avanzou que nas próximas semanas será inaugurada a EDAR de Caldas, outro paso máis para depurar as augas residuais das principais poboacións que verten a este río.

    Na busca deste obxectivo, e no marco da Comisión de Seguimento do Río Umia, constituída a raíz do vertido da empresa Brenntag o verán pasado, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a traballar na construción dunha nova depuradora nas inmediacións do río Umia. O estudio de viabilidade xa foi encargado á empresa CIISA, que ten previsto rematalo en tres meses. Polo de agora, estase a barallar a posibilidade de recoller o colector do río Umia dende Baión ata Barrantes, parte de Ribadumia, parte de Vilanova e parte de Cambados (nos casos de Ribadumia e Cambados trataríase de polígonos industriais).

    OUTROS INVESTIMENTOS.- A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a investir en obras e servizos hidráulicos en Cambados e outros concellos da mancomunidade máis de 14 millóns de euros. Neste intre, está en execución a ampliación do abastecemento en alta do Salnés (Cambados, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo), por un importe de 2.190.703 euros. Tamén está en execución a explotación de EDAR de Cambados, Vilanova e Ribadumia, que supón un custo de 7.627.046 euros. E, no pasado mes de decembro, rematouse a obra de saneamento da parroquia de Castrelo, por un importe de 93.553 euros.

    AMPLIACIÓN DA EDAR A ampliación da depuradora de Cambados, que tamén da servizo a Vilanova e Ribadumia, consistiu na duplicación das liñas existentes. Ademais, realizáronse as seguintes melloras na planta: infraestrutura e equipos para a medida diferenciada dos caudais segundo o seu sistema de orixe; desinfección por raios UVA como tratamento terciario; actualización dos equipos e software de mando, control e seguridade, así como do sistema de comunicacións, e desodorización e insonorización.

    No hay comentarios: